Monday 06 de May de 2024

O XLI Encontro Luso-Español


Acordase o establecemento de procedementos máis áxiles de intercambio de información en materia de sanidade animal

O XLI Encontro Luso-Español acordou o establecemento de procedementos máis áxiles de intercambio de información en materia de sanidade animal. Ademais os representantes dos dous países acordaron a consecución dun protocolo de actuación para facilitar o movemento de animais sensibles á enfermidade denominada lingua azul.

Nas xornadas, que tiveron lugar os días 18 e 19 en Lisboa, acordouse levar a cabo distintas reunións entre as diferentes autoridades rexionais para abordar aspectos concretos na loita contra a tuberculose na fauna salvaxe. Ademais adoptáronse posturas comúns en relación á futura lei de sanidade animal europea e aos proxectos de regulamento do denominado “paquete de hixiene”. Por outra banda, no ámbito da sanidade vexetal e en relación aos fitosanitarios estableceuse un plan conxunto de actuación para os próximos dous anos, cun cronograma de traballos a desenvolver.

Na xuntanza, estiveron presentes varios representantes do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e das distintas comunidades autónomas. Por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar asistiron a directora de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa e os subdirectores de Gandaría e de Explotacións Agrarias.

Xornadas de sanidade animal e vexetal
Na axenda das xornadas de Sanidade Animal, revisáronse temas como a situación sanitaria das provincias limítrofes, en relación a diversas enfermidades como a tuberculose bovina ou a enfermidade de Aujeszky. Así mesmo, estudáronse os protocolos relacionados coa transhumancia dos apicultores e a situación sanitaria da fauna silvestre. Finalmente, abordáronse temas de identificación animal de equinos e de pequenos ruminantes, de trazabilidade e hixiene de alimentos e subprodutos, en relación á nova lei de sanidade animal que está a tramitar na Unión Europea, ademais doutros asuntos relacionados co movemento pecuario e de animais de compañía.

No eido da sanidade vexetal, analizouse a situación de diversas enfermidades, como as causadas polo nematodo do piñeiro, a avéspora do castaño, o cancro resinoso do piñeiro e a enfermidade causada polo gorgullo do eucalipto. Ademais, no caso dos fitosanitarios, revisouse a posibilidade da aplicación aérea, e o protocolo de cooperación asinado entre ambos estados no ano 2003.